Logotipo da asociación: can gris rampante con liñas e estrelas da constelación. Rodeado de máis estrelas e unha banda circular azul co nome da asociación e a data de fundación.A Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro fundada en 1999. O noso obxectivo é gozar desta fascinante rama do saber chamada Astronomía, así como divulgala entre persoas de todas as idades. O noso nome ven da estrela Sirio, unha das estrelas máis vistosas do ceo e a máis brillante da constelación do Can Maior.

Mediante todo tipo de actividades, pero sobre todo mediante observacións astronómicas, gozamos e divulgamos os coñecementos máis certeiros sobre os astros que o xénero humano adquiriu ao longo da historia, especialmente desde a chegada dos métodos científicos, que nos trouxeron descubrimentos máis asombrosos que os imaxinados polos nosos devanceiros.

Pola orixe da asociación e a veciñanza da maioría dos socios, o noso ámbito natural é o concello de Pontevedra e os próximos a el, pero podemos colaborar na medida do posible con calquera que solicite a nosa axuda no relativo á Astronomía, viva onde viva.

Grazas a que nos cederon a xestión do Observatorio Astronómico de Cotobade, unha das nosas actividades máis habituais son as observacións astronómicas guiadas que se realizan alí os sábados. Pero facemos outras actividades, tanto pola nosa conta como en colaboración con concellos, centros educativos ou mesmo seguindo iniciativas internacionais.

Se traballas para calquera entidade pública ou privada que queira organizar unha actividade relacionada coa astronomía, podes contactar con nós, quizais poidamos axudarche.

Se queres apoiarnos podes colaborar, asociarte, doar algo ou simplemente anunciar a nosa existencia entre os teus contactos ou nas túas redes sociais.

Aquí nos tés!


O cosmos é todo o que é, ou que foi, ou que será. As nosas máis febles contemplacións dos cosmos fannos estremecer: sentimos como un proído enche os nosos nervios, un nó na voz, unha lixeira sensación, como un recordo lonxano, de caer desde unha gran altura. Sabemos que nos achegamos ao máis grande dos misterios.

Carl Sagan

Usamos cookies
Usamos cookies de terceiros que eles utilizarán para fines analíticos e para mostrar publicidade personalizada en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación (por exemplo a visita a este sitio web). Podes rexeitar o uso das cookies, en cuxo caso non funcionarán correctamente algunhas funcións do sitio web facilitadas por terceiros, en particular o sistema de reserva de visitas guiadas ao observatorio astronómico.