Achégase a eclipse de sol de 2026, que terá lugar o 12 de agosto. Esta eclipse será total en moitos lugares de España polo que é unha grande oportunidade para observar este fenómeno. E non nos levemos a engano, a experiencia dunha eclipse total é moito menos habitual, diferente e moi superior, á dunha parcial. Neste caso, a diferenza entre un 99,99% y un 100% é abismal.

Podes consultar onde haberá totalidade e canto durará en distintos sitios web, por exemplo en https://visualizadores.ign.es/eclipses/2026 (do Instituto Geográfico Nacional), en https://www.turismo.gal/que-facer/eclipse#mapa_interactivo (só Galicia) ou en http://xjubier.free.fr/en/site_pages/solar_eclipses/TSE_2026_GoogleMapFull.html (en inglés).

advertencia sol

O máis importante durante o fenómeno é a seguridade dos teus ollos. Mirar ao sol sen protección pode causar unha lesión ocular permanente. Non é ningunha broma.

Por iso é imprescindible empregar protección adecuada ou medios indirectos. Para a observación directa só se deben empregar filtros homologados ISO 12312-2 con marcado CE e de marcas de confianza, ningún método caseiro é válido. Non arrisques os teus ollos con métodos caseiros, os anteollos con filtro homolgado non son caros (un ou dous euros) e poden compartirse entre varias persoas, de feito é recomedable facelo así. Porque incluso con eles non se debe mirar continuamente ao sol, como moito en períodos de 30 segundos ben espazados. Compartilos por quendas é boa idea. Por outra banda, os máis cativos é mellor que non empreguen estes anteollos con filtro, poden desfrutar igual da eclipse por medios indirectos como os que se describen a continuación.

MÉTODOS INDIRECTOS PARA OBSERVAR AS ECLIPSES

  1. Proxección indirecta a través dun telescopio. Consiste en engadir unha cartolina no portaocular para que se proxecte a imaxe nunha pantalla branca. O inconveniente é que require unha preparación previa para axustar ben o enfoque da proxección. Non é moi recomendable pois temos que asegurarnos de que ningún rapaz teña acceso ao telescopio sen supervisión. Podería, por curiosidade, tentar mirar directamente polo ocular e lembremos que en proxección non hai fitro solar que o protexa. Podería sufrir danos irreparábeis no ollo en fraccións de segundo. Para evitar isto pódese encerrar o espacio entre o ocular e a pantalla cunha caixa opaca dalgún tipo, e cambiar a pantalla por papel translúcido, por exemplo papel de forno.proyeccion sol telescopioproxeccion sol
  2. Proxección indirecta a través de obxectos comúns con buratos. Pódese proxectar o Sol nunha parede ou no chan empregando obxectos simples como unha espumadeira ou un escoadoiro. Cada burato proxectará a eclipse, polo que veremos centos de soles.proyeccion sol objetos comunes
  3. Proxección indirecta cunha cámara escura ou proxector estenopeico. É un dispositivo moi sinxelo de fabricar na casa cunha caixa de cartón. Aquí tes instrucións para facer un.

 proxeccion camara escura

PARA SABER MÁIS

 

 

Usamos cookies
Usamos cookies de terceiros que eles utilizarán para fines analíticos e para mostrar publicidade personalizada en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación (por exemplo a visita a este sitio web). Podes rexeitar o uso das cookies, en cuxo caso non funcionarán correctamente algunhas funcións do sitio web facilitadas por terceiros, en particular o sistema de reserva de visitas guiadas ao observatorio astronómico.