“O home é un deus cando soña e un mendigo cando reflexiona” (Friedrich Hölderlin)
Gran verdade: os astrónomos afeccionados somos ricos en soños, pois non están acotado e vagan ao seu antollo sen que se prefixen os seus límites; en cambio adoitamos ter orzamentos de mendigo, e a reflexión ten que cinguirse a unhas pautas determinadas en non poden fuxir dos feitos e dunhas normas mínimas que regulan calquera razoamento.
Durante moitos anos os membros da Asociación Astronómica Sirio tiveron un soño: Sería posible construír un pequeno observatorio fixo? Baralláronse opcións, lugares, proxectos... ideas, soños á fin e o cabo. Pronto comprenderon que o proxecto se lles escapaba das mans e cando xa estaba a punto de parar todo en fume xurdiu a oportunidade do milagre.
No ano 2008, a Asociación Cultural e Medioambiental “Cañón de Pau” estaba en fase de elaborar varios proxectos de desenvolvemento da zona na que se atopa o monte Coirego, lugar devastado polos incendios do ano 2006, e lugar desde onde tantas veces a Asociación Astronómica Sirio tiña subido a observar o ceo. Das conversas entre ambas asociacións xurdiu a idea de incluír o proxecto de construción dun observatorio astronómico.
Así “Cañón de Pau”, a partir dun anteproxecto elaborado en Sirio, presentou ante a Xunta de Galicia, dentro do "Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010" (INCITE) da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, o proxecto de construción dun observatorio astronómico no lugar da Poza no Monte Coirego, en Cotobade, nunha parcela cuxo uso cedeu a Asociación de Montes de Carballedo.
Tras múltiples reunión e informes, a Xunta de Galicia concedeu os fondos para a construción. Non foi precisamente chegar e encher, pero, finalmente, unha mañá de maio de 2010 un guindastre deixaba suavemente a cúpula de aceiro inoxidable de catro metros de diámetro sobre as paredes do edificio.
O observatorio dispón dunha aula con material didáctico, unha sala de control e un aseo, albergando na cúpula un telescopio Meade LX200 ACF de 40 cm de diámetro. O 26 de agosto de 2011 inaugurouse o Observatorio Astronómico de Cotobade. A Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra firmou posteriormente un convenio con “Cañón de Pau”, propietaria do Observatorio, para a súa xestión, e na actualidade desenvolve nel todo tipo de actividades, tanto de observación como divulgativas.
Os gastos de mantemento do Observatorio custéanse coas cotas dos socios, unha pequena Subvención Nominativa concedida polo Concello de Cotobade e as doazóns das persoas que visitan o Observatorio.
Un soño... que se fixo realidade.