O xerme
O nacemento da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra está ligado ao ensino da astronomía na cidade de Pontevedra. No ano 1985 o Diario Oficial de Galicia publicou unha lista de materias que podían ser impartidas no BUP dentro do ámbito das EATPs (ensino de materias técnico-profesionais), figurando a “Astronomía” como unha delas. O Departamento de Física e Química do Instituto de Bacharelato “A Xunqueira I” de Pontevedra solicitou da Consellería de Educación da Xunta de Galicia o oportuno permiso para impartir a Astronomía dentro do seu horario lectivo. Esta materia empezou a súa andaina no Instituto a principios do curso 1985-86 encomendándose ao profesor Severino Yánez Arias quen, durante os doce anos seguintes, coa axuda dos compañeiros de Departamento e o apoio decidido dos sucesivos equipos directivos, tivo a honra de compartir moitas horas con tantos alumnos e alumnas que acabarían formando o que chamaron a “Aula de Astronomía”, unha experiencia docente inesquecible.
Durante todo este tempo, e con considerable esforzo por parte do Centro, foise adquirindo todo o material necesario: diapositivas, vídeos, libros e material de consulta así como un humilde telescopio refractor Vixen de 80 mm, que se iría dotando aos poucos de distintos accesorios. Moi pronto a actividade que se desenvolvía traspasou os límites do propio Instituto presentándose traballos divulgativos nalgunhas revistas, entre elas Tribuna de Astronomía (Xullo-Agosto de 1988), así como comunicacións nalgúns congresos de afeccionados (Convención de Observadores. Barcelona 1986). As súas actividades alcanzaron o seu punto culminante durante o curso académico 1992-93 cando o seu profesor, membro da Asociación Española para o Ensino da Astronomía, decidiu propoñer aos seus alumnos unha idea que recibira nun congreso: a construción dun planetario didáctico provisto dunha cúpula de 2 metros de diámetro. Os alumnos aceptaron con entusiasmo o proxecto e o Planetario inaugurouse o 6 de maio de 1993. O éxito foi tan notable que nos anos seguintes se recibiron visitas de centros escolares da contorna, xornais locais e televisión autonómica, así como moitos outros visitantes particulares.
Sen embargo, todo o humano ten fin, e a reforma do ensino coa supresión do BUP supuxo o final das EATP e, con iso, o peche da “Aula de Astronomía”. Tentouse, infrutuosamente, que a “Astronomía” se puidera seguir impartindo no Centro como actividade regrada e, ante a negativa das autoridades académicas, clausurouse definitivamente a aula de Astronomía e o planetario desmontouse en outubro do ano 2000.
A fundación
Os anos seguintes foron difíciles, pero no mundo do ensino é doado que algunhas das sementes esparexidas acabe frutificando, e pronto algúns dos antigos alumnos e alumnas, moitos xa na súa etapa universitaria, retomaron a súa afección, e xunto co seu antigo profesor formaron un pequeno grupo á sombra do I.B. A Xunqueira I utilizando o material da desaparecida Aula de Astronomía e o apoio do Centro, que lles cedeu locais para reunións e actividades. Foi precisamente nesta época cando se empezou a xestar a futura asociación astronómica. Foi un tempo no que se alternaron noites de observación nos arredores da cidade de Pontevedra, en torno ao telescopio Vixen do Instituto, con tardes de reunións nas que se empezou a discutir a viabilidade dunha asociación astronómica legalmente constituída. O paso do tempo e unha afección inquebrantable fixeron o resto. Uns contactaron a outros, establecéronse novas relacións, foron aparecendo novas persoas, algunhas con telescopios particulares e cada quen achegou o seu gran de area. Finalmente, despois de moitas reunións e de discutir estatutos, o día 20 de novembro de 1999 fundouse a “Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra” quedando rexistrada, poucos días despois, no Rexistro de Asociacións.
Os primeiros anos
A asociación, como adoita suceder en todos os principios, iniciou a súa andaina con timidez pero con sobrado entusiasmo, baseándose sempre nos seus dous piares fundamentais: a práctica da observación astronómica e a divulgación a través de todos os medios ao seu alcance.
Con relación á primeira, fixeron multitude de saídas nocturnas, cada vez máis lonxe da cidade en busca de mellores ceos. Os socios foron comprando os seus telescopios particulares e tamén algún material común para a Asociación. Todo iso o foron probando desde distintos lugares, sempre que servise a noite. Así, percorreron os montes das proximidades da cidade, sen importar o frío. Todos os afeccionados á Astronomía sábeno: “búscase un sitio onde mirar máis alá, moito máis alá”. E así foron atopando algúns, entre eles un que acabaría sendo o máis visitado e que a longo prazo sería mítico para eles: a zona de “Chan da Poza” no monte Coirego, situado no Concello de Cotobade a uns vinte quilómetros da cidade de Pontevedra.
Respecto da segunda, os membros da Asociación non escatimaron esforzos nos labores de divulgación da astronomía, tratando sempre de contaxiar o seu entusiasmo por esta ciencia, sobre todo entre os máis novos. Así, percorreron ducias de colexios e institutos organizando charlas e mesas redondas seguidas, as máis delas, de sesións de observación, sempre que a complicada climatoloxía da zona o permitise. Entre elas pódense mencionar as observacións das choivas de estrelas Perseidas e Leónidas, levadas a cabo como actividades de Iniciación á Astronomía desde o Monte Coirego. Impartiron cursos de Astronomía como o celebrado dentro da XIV Semana do Ensino en Pontevedra, da mesma forma que aproveitaron determinados fenómenos Astronómicos para animar á poboación a observalos, entre os que cabe destacar a conferencia realizada nos salóns de Caixa Galicia con ocasión da eclipse anular de sol do 3 de outubro de 2005.
Tamén se deben mencionar as distintas charlas que levaron a cabo desde o salón multiúsos do Concello de Cotobade sobre eclipses, cometas e, en xeral, sobre o aspecto do firmamento nas distintas estacións do ano. Participaron con distintos talleres en “XuventudeGaliza.net”, estiveron presentes na concentración de telescopios na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, organizaron charlas-observación en lugares tan dispares como a casa do Pobo de Bueu (Pontevedra), na Aula da Natureza de cabo Udra ou en sesións de observación ao final de camiñadas por carreiros entre os montes da comarca do Morrazo. Sen esquecer a súa participación nas Xornadas sobre “A Ciencia Hoxe” organizadas polo Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación na que se presentaron dous talleres, un sobre reloxos de Sol e outro sobre Aparellos Astronómicos.
O observatorio
Durante moitos anos os membros da Asociación tiveron un soño: Sería posible construír un pequeno observatorio fixo?... Pois ao final, o soño fíxose realidade. Contámosche os detalles en Orixe e historia do Observatorio Astronómico de Cotobade.
Actualidade
Hoxe pódese afirmar que a Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra zumega vida por todos os seus poros, os seus máis de noventa membros, entre socios e simpatizantes, encaran resoltamente un futuro non exento de obstáculos, pero cheo de esperanza e de ilusión por seguir practicando e transmitindo aos demais esta nobre afección.
Moitas son, sen ningunha dúbida, as actividades que quedan sen mencionar, e sobre todo moitos os amigos que foron aparecendo, pero non é o obxecto deste pequeno artigo a relación exhaustiva de todo o camiño percorrido senón, máis ben, unha mirada cara atrás para constatar todos os bos intres que os membros da asociación pasaron compartindo horas e noites, algunhas delas serenas e solemnes, desas que tranquilizan a alma e fan sentir a magnífica harmonía do universo. Outras, loitando contra o frío, o vento ou as nubes… que no momento máis inoportuno corren un apertado veo coma se quixesen tapar celosamente, por un tempo, a beleza, a incomparable beleza do cosmos.